EN DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA

EN DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA

martes, 9 de febrero de 2010

PATOLOXÍA XERAL

“A vida, a saúde, o amor son precarios,
¿por qué ía escapar o traballo a esta lei?

A insurrección que ven, Comité invisibel.

A historia da saúde é a historia pola conquista dun ben público. Dito doutro xeito, a mellora das condicións de vida da poboación en xeral foi unha constante na dilatada traxectoria do movemento obreiro que se manifesta hoxe en día na súa forma universal e gratuita. A sanidade entendida como a saúde levada ao terreo práctico é, xa que logo, un dos piares diso que algúns consideran a culminación da modernidade: o estado de benestar.

Se cada época ten o seu particular estilo, a nosa distínguese pola paulatina perda do valor das cousas. A modo de exemplo poderiamos citar a falsa excusa da privatización dos chamados servizos non sanitarios no Hospital Xeral –servizos alleos ao campo da ciencia médica mais imprescindibeis para o ciclo sanitario-, cuxo obxectivo pasa pola súa liquidación e non como se repite desde distintos ámbitos por unha xestión eficaz dos mesmos. Restauración, gardería, mantemento, lavandeiría e un longo abano de categorías profisionais serán o primeiro chanzo dunha política encamiñada a desmantelar a sanidade tal e como a coñecemos.

O deprazamento da función pública á privada agocha un segredo en boca de todos: a reconversión das políticas garantistas en plusvalía. Modificadas sustancialmente as relacións laborais no mundo do traballo, o aparello de saúde escamoteado ao control público non pode ser outra cousa que unha empresa. A optimización de recursos, a xestión hábil ou a irrupción da farmaindustria son incorporadas ao noso vocabulario sen atender á perversa natureza do seu significado.

Porén a apropiación tecnoburocrática do mundo da saúde e a loita polo restos, acometida por parte dun funcionariado posto en tela de xuizo, abren un novo escenario de loitas e resistencias que amosan a grandes rasgos as tendencias de cara a un futuro inmediato no sector da sanidade pública. A correlación de forzas pode explicar pero non admitir unha anomia sen precedentes no corpo social. Un corpo doente a todas luces.

Pensar a sanidade en termos democráticos é pensar por tanto nun outro modelo sanitario. Leva consigo a obriga de replantexarnos a súa función en base ás necesidades perentorias dunha poboación asediada pola enfermidade. Unha sanidade onde prime a descentralización hospitalaria, a intervención previa ou a extensión social do hixienismo. Que promocione a elaboración dunha cartografía de riscos biolóxicos que sinale certeiramente os tipos de nocividades, as súas causas e as súas consecuencias. Que delimite as secuelas físicas e psíquicas do traballo na vida das persoas. Porlle fin á precarización da sanidade, en suma. Do contrario daremos por boas as palabras daqueles que alertan sobre o perigo de derrumbe a cámara lenta do sistema de saúde. O noso propio derrumbe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario